ComuniSfera RSS

mirador de e-comunicación

Archive

Oct
28th
Wed
permalink
Algúns datos realmente chamativos acaparan a nosa atención. Dun listado das 30 empresas coas cifras máis altas de facturación, a sexta parte carecen de páxina web. Dúas delas pertencen ó sector da alimentación e catro delas orientan a súa actividade a outras empresas en vez de relacionarse directamente co consumidor, polo que pode que nesa medida poidan prescindir dunha páxina web coa que presentarse ante a sociedade.
Outras seis pertencen ó grupo empresarial Inditex (Industria de Diseño Téxtil, S.A.), que aplica unha estratexia empresarial de webs propias para cada unha das súas empresas. Como cada unha delas se dirixe a un target distinto cun produto tamén distinto, a páxina web ilustra moi ben a individualización dos fluxos de comunicación cun estilo, deseño, ambientación, etc. totalmente
adaptado ó produto de cada unha delas. Nese sentido, podemos falar dun emprego exemplar da páxina web como elemento integrante da mensaxe que se dirixe ó seu consumidor. Por outra banda, a pesares de que a estratexia de mercado é individualizada para cada caso, todas elas remiten á matriz no eido da comunicación corporativa.
En liñas xerais, as páxinas webs de empresas multinacionais son as máis coidadas en canto a usabilidade e a recursos dispoñibles para os públicos externos.
Outras dúas empresas, ambas do sector da fundición de aceiro e do mesmo grupo empresarial, teñen unha páxina colgada na Rede que só lles permite o acceso ós seus públicos internos. Todo isto xa nos fala dunha certa falla de concienciación sobre o papel que a Rede puidera desempeñar na comunicación externa dun tecido empresarial que pode mellorar a súa imaxe grazas a Internet.
En canto ás empresas que dispoñen de páxina web, estas emprégana para presentarse ante a sociedade e para mostrar os produtos nos que traballan. Porén, non facilitan información sobre os seus responsables de dirección, algo que ofrecería transparencia, información útil e credibilidade. Á hora de permitir o contacto cos seus públicos externos, filtran as mensaxes por medio de formularios ou de enderezos de correos electrónicos xerais, dirixidos a departamentos. Unha actitude que transmite máis afastamento que sentido da responsabilidade.
As salas de prensa non existen en case 4 de cada 10 páxinas, e nas que a hai, os recursos dos que dispoñen baséanse especialmente nas notas de prensa, unhas notas de prensa que, por outra banda, non se actualizan diariamente e mesmo se deixan caducar o periodo dun mes, o que demostra que tampouco serven á súa función de facilitarlles o traballo ós xornalistas.
Oportunidades por aproveitar
Para as organizacións (empresariais e institucionais), a Rede puidera comparecer coma unha ferramenta indispensábel a día de hoxe para xestionar e mellorar a súas relacións externas. Na relación entre a organización e os seus potenciais clientes, a creación de páxinas web semella ser un dos principais piares sobre os que construir “imaxe” ou máis concretamente “imaxe positiva”.
Sen embargo, a pesares do potencial que manifesta ter a Rede para artellar fluxos de comunicación útiles e novidosos, a realidade permite constatar que as TIC non lograron unha presenza activa –unha revolución- na maioría dos gabinetes de comunicación en España, senón que, salvo casos excepcionais (García Orosa, 2005: 145):
Non se modifica o produto (non se envían produtos multimedia, senón que só texto).
Non cambian os receptores (esquecéndose, a diario e de xeito xeralizado dos medios electrónicos).
Non varían os parámetros espaciotemporais (non se teñen en conta os ritmos de traballo dos medios electrónicos).
Non obstante, os gabinetes de empresas de maiores dimensións (con máis recursos humanos e tecnolóxicos) tenden a ir corrixindo esta serie de carencias. Na actualidade, os cidadáns empregan a Rede para realizar todo tipo de consultas e as posibilidades de Internet ó servizo das organizacións abren novos camiños para un exercizo responsable das Relacións Públicas.
— CARMEN COSTA SÁNCHEZ, MIGUEL TÚÑEZ LÓPEZ, 2008. “A Internet na comunicación corporativa das principais empresas de Galicia” en Martins, M.L.; Pinto, M. (orgs.) [2008] Comunicação e Cidadania. Actas do 5º Congresso da Associação Portuguesa de Ciências da Comunicação.Braga: Centro de Estudos de Comunicação e Sociedade, Universidade do Minho, ISBN: 978-989-95500-1-8. http://lasics.uminho.pt/ojs/index.php/5sopcom
Comments
blog comments powered by Disqus